Amosando publicacións coa etiqueta narrativa en galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta narrativa en galego. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de abril de 2022

"Un elefante na sala de estar" de BERTA DÁVILA no club de 1º bacharelato.


 "... Ás veces podemos dicir que hai un elefante na sala de estar, que é unha expresión que usa cando hai unha cousa na que todos están pensando pero ninguén quere dicir... " (páx. 42).

Nesta obra , a primeira que a narradora e poeta Berta Dávila escribe para un público adolescente, as voces que falan nesta novela coral están pensando en Rosa, no porqué do seu suicidio pero ninguén quere tratar o tema abertamente. Na nosa sociedade o suicidio e mesmo a depresión son temas tabús dos que por medo ou por respecto, por afecto aos que os sofren non se quere falar.

E así, duramente, descarnadamente acompañamos á familia de Rosa, a súa amiga, a súa médico, o seu empregador nas súas preguntas para as que non hai resposta xa que quen as ten xa non vive. Unha análise introspectiva das interioridades e das vivencias e lembranzas máis íntimas dos protagonistas, os personaxes na procura do acougo e do silenciamento da culpa e do medo.

Unha obra diferente no tema e no seu tratamento pero tamén moi necesaria para escoitar máis atentamente as voces dos que sofren en silencio. Unha lectura que nos vai dar moito que falar no club polo tema, polo seu tratamento e polo desfrute da prosa tan fermosa e coidada da autora.

Déixovos aquí o enlace ao podcast no que Montse Pena fai unha valoración da novela para o Diario Cultural da Radio Galega: 

COMO ENFRONTARNOS AO ELEFANTE NA SALA DE ESTAR

E esta é a dedicatoria que no seu libro fixo para nós: 




mércores, 9 de febreiro de 2022

Maridaxe nas artes (literatura, música e pintura) arredor de "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS" de MARCOS CALVEIRO.

 Nos clubs de lectura de 1º ESO C e B (grupo 2) estamos desfrutando da lectura de "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS" de MARCOS CALVEIRO e aproveitando para gozar da concordancia que nos facilitan pintores, escritores e músicos e mesmo os museos.

Este concerto de letras (o texto de Calveiro), sons ( a canción de Don Maclean) e colores (Vicent Van Gogh) achéganos á  XXIII Edición do Salón do libro  Infantil e Xuvenil que ten coma lema "Con moita arte!"... e da man do rapaz protagonista  da novela de Calveiro (anónimo), de Vincent, da tía Jo Jo... viaxaremos a Auvers para acompañalos polas paisaxes dos cadros do pintor. 

E coma nos encanta a harmonía e a concordancia aquí temos a primeira mostra: 


Combinamos pois letras, son, cores e luz coas palabras da novela, poderedes realizar este reto???

    O museo Thyssen- Bornermisza no 2007  realizou unha exposición "Los últimos paisajes" recollendo os últimos cadros que Van Gogh pintou en Auvers que podedes ver no seguinte enlace:

LOS ÚLTIMOS PAISAJES

E no seguinte enlace atopamos información sobre Van Gogh en relación coa novela de Marcos Calveiro:


martes, 8 de febreiro de 2022

Sementando Flores de Ferro. María Rei Vilas.

 

No día de onte recibimos a visita na nosa biblioteca da escritora María Rei Vilas que se achegou desde Laracha para desenvolver dous encontros lectores, un coa rapazada do club de igualdade e o segundo con pais e nais deste alumnado e coas profesoras coordinadoras dos clubs.

María desvelounos como naceu nela a necesidade de contar esta historia, como a foi creando e fiando baseándose en datos históricos, en personaxes reais (ficcionados logo), en lugares, paisaxes e a vexetación da súa querida Costa da Morte.

Debateu cos e coas participantes que lle fixeron moitas e variadas preguntas, compartiron con ela a súa visión da novela, as súas emocións ao lela e a valoración tras a lectura. Foi moi interesante ver as imaxes coas que nos explicou o proceso de creación e documentación previo que realizou. O pai e a nai lectores que nos acompañaron tamén gozaron da lectura e da conversa coa autora o que nos amosa coma gustos e prácticas lectoras poden ser punto de encontro para a mocidade,  seus pais e as profes.

Como agasallo a rapazada do club creou un fermoso ramallete de flores de metal para agradecer a autora o esforzo da escrita e a súa enriquecedora visita. Ela agasallounos tamén cunha fermosa dedicatoria: 


Podedes visionar o encontro no seguinte vídeo: