Amosando publicacións coa etiqueta María Reimóndez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Reimóndez. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de marzo de 2024

"Furia" e María Reimóndez nos clubs de 1º Bach. e do CGTD.

 


A novela "Furia", o boxeo e o poder sanador do deporte, e a súa autora María Reimóndez levéronnos ata o noso Centro de Tecnificación Deportiva para realizar un encontro lector coa rapazada do club de lectura.


Adolescencia, igualdade no deporte ou o uso da lingua galega entre os máis novos foron algúns do temas sobre os que falamos para que finalmente os membros e membras do club compartiran coa autora as súas valoracións sobre a novela: 

Primeiramente, un alumno presentoulle a autora aos seus compañeiros (obras publicadas e premios acadados), logo o alumnado do CGTD foi o responsable de realizar as preguntas de contacto (gustos literarios da autora, por que escribe, publicou toda a obra que escribiu...). 


En segundo lugar, centrouse o faladoiro na obra FURIA, publicada recentemente. A partir de fragmentos diversos da novela, previamente comentados polo alumnado, establecéronse tres bloques de contido:

  • A adolescencia: as vivencias e a toma de decisións (texto páxina 73)
  • As afeccións dos adolescentes, as actividades que os fan sentir ben e que son menos convencionais (texto páxinas 29-30).
  • O deporte, o boxeo: fórmula de autocoñecemento e de resistencia fronte as experiencias de vida dramáticas e fronte as normas de xénero impostas pola sociedade; a desigualdade neste tipo de deportes (texto páx. 101).
  • A lingua galega, o seu uso nas urbes galegas polos mozos e mozas; os prexuízos co uso da lingua e a liberdade de escolla lingüística (texto páx. 31).


A rapazada leu os seus comentarios en relación ao tema e o libro, e a autora puntualiza e desenvolve.

Na terceira parte, o alumnado le as valoracións persoais que cada un deles realizou sobre a novela e coméntanas conxuntamente.



martes, 28 de novembro de 2023

Un "bindi" para USHA

 


Pois así imos despedindo a Usha cun "bindi" (do sánscrito, pinga ou punto) ben divertido e ben colocadiño entre as nosas cellas, alí onde está o sitio da sabedoría; só nos queda unha sesión do libro de María Reimóndez que remataremos na compañía de Tatiana, a profe de plástica, a cal  vainos relatar a súa viaxe pola India. 

luns, 17 de maio de 2021

Debullamos as reviravoltas de COBIZA con María Reimóndez.


 COBIZA:

I Premio Literario Pinto e Maragota da diversidade sexual e de xénero.  

A escritora, activista implicada, María Reimóndez, respondeu amablemente ás preguntas da nosa rapazada do club de lectura e 4º de ESO D coa fin de debullar as reviravoltas da súa novela COBIZA , aquí vos deixamos un resume das respostas que compartiu con nós:

Sobre o tempo de escrita.

Escribín COBIZA durante a pandemia porque foi cando tiven tempo para escribir e axudou a rematar a novela para presentala ao premio, pero non escribín a novela para o premio .

Sobre as fontes.

Neste libro houbo unha confluencia de ir percibindo e recollendo cousas por exemplo o tema da escravitude no século XVII e XVIII foi moi importante á hora de escribir COBIZA, ese é un tema que teño traballado moito como tradutora, como activista, textos de persoas que foron escravizadas; no tema da tecnoloxía bebo máis da teoría que vou lendo que do que son obras en si. No libro non inflúen tanto os textos literarios coma as cuestións temáticas coas que eu teño un contacto máis directo. A base previa á obra é a vida. 

Vai a humanidade cara un desastre medioambiental?

Hai que chegar ao final da obra para contestar a esa pregunta; a ciencia ficción permítenos proxectar desde o presente posibilidades, penso que non hai un futuro predeterminado senón que o estamos construíndo a cotío, que hai unha crise ambiental é evidente hoxe aínda que hai intereses económicos que non permiten actuar dun xeito máis contundente; estamos afeitas a levar unhas formas de vida moi consumidoras, destrutoras e moi pouco reflexivas sobre as consecuencias dese sistema de vida, isto máis que pesimista é realista.  


 


Sobre as árbores ou seres completos:

Hai outras maneiras de ver aos seres humanos e necesitamos a distancia para facelo,os seres de COBIZA son unha maneira de desnaturalizar partindo da natureza; Os corpos son máis diversos, explicados con outros parámetros que non son os que temos agora mesmo. 

Sobre a COBIZA no mundo (move o mundo o amor ou a cobiza?): 

Pensade no momento que estamos a vivir coas vacinas, se lle quitades o elemento de cobiza de lucro das farmacéuticas vacinariase todo o mundo pero as patentes impiden que as vacinas se poidan producir libremente, é un exemplo de miles. O que non entrou o sistema do lucro é porque hai un traballo inxente de grupos e persoas en todo o mundo que se unen para evitalo.  

Sobre como fixeches para crear unha historia e unir tantos temas e personaxes? 

Iso é o interesante de escribir, hai moitas historias pero o interesante da escrita é como contalas, que sexa un desafío. Neste caso COBIZA foi unha maneira de experimentar outras maneiras de escribir máis polifónicas, crear distintos personaxes cada quen deles coa súa voz. Iso é para min o divertido de escribir. Para min é importante que cada personaxe teña a súa personalidade, é un traballo da escrita crear unha voz, coñecer a súa historia, un ser completo coas súas motivacións, a súa maneira de falar... Neste libro foi complicado traballar con personaxes que non teñen unha visión de xénero cunha linguaxe con xénero.


 

Sobre os lugares que inspiraron COBIZA: 

Un dous lugares é Haití e o tema da escravitude que xa tratara no libro Pirata e outro lugar foi Nova Iorque, unha cidade cunhas desigualdades tremendas e todo o mundo quere vivir alí, é un espazo onde me resulta incómodo estar, a partir de aquí se constrúen os espazos das capitais e os recunchos e tamén Galicia (Galicia podería ser un deserto en pouco tempo se seguimos co nivel de eucaliptización que temos agora que nos leva ao comezo da novela).

Sobre a Gran Desconexión da tecnoloxía: 

A min sorpréndeme que non a houbese xa, con desconectar un par de satélites, cada vez a nosa dependencia da tecnoloxía é maior e xa hai moitas cousas que non somos capaces de facer sen a tecnoloxía e perdemos capacidades para a supervivencia.


Un pracer a conversa, grazas mil a María Reimóndez.por este formativo encontro lector.



                                                                Pontevedra, 15 de maio 2021.

 

domingo, 11 de abril de 2021

COBIZA de MARÍA REIMÓNDEZ

 




COBIZA, a nova novela de María Reimóndez foi galardoada co "I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero"  polo tratamento da temática da diversidade de xénero e identidade propia do individu; pola trama en si e pola variedade de temáticas ás que nos achega e que poden conquistar e provocar o debate entre os lectores e lectoras, conmover e facelos mirar ao seu redor; pola orixinalidade ao crear un mundo distópico (novidoso en lingua galega) e pola mensaxe que nos transmite, por compartir o soño dun mundo diferente e novo, máis xusto e igualitario; pola reivindicación do feminismo, da importancia do papel da muller no desenvolvemento da nosa sociedade e do mundo e como non pola escrita, polo tratamento literario que fai da historia, o xogo de narradores e de tempos e pola linguaxe coidada e cun léxico moi rico.

As temáticas que se desenvolven na novela:
 

ANO 30 A G.D.

  • A ambientación, o mundo distópico. Comezamos cun desastre medioambiental, contaminación, degradación, andazos, morte e esterilidade...no ano 30 da G.D.

“Luz crecera naquel deserto...todo mundo quería marchar e tamén ficar.. (páx. 9/10) 

  • A estrutura familiar está formada por un home, unha muller e fillos...só as mulleres procrean, a identidade de xénero:

“Toda esa leria de ser homes e mulleres é un invento...Así que o detiveran por chamar á rebelión xenérica” ( pax.14/15)

  • A contaminación, a degradación do medio ambiente; O mar de plástico, seres apreixados:

“Isto deixou dito Luz Divina... un ser derrotado que quere poñerse de pé” (pax. 23/24)

Tessi, Dandara, Seh-Dong seres creados da terra, pola forza da terra, seres sin xénero nin sexo... simbolizan o futuro, a esperanza nun mundo máis igualitario? Os sentimentos destes personaxes, poden sentir afecto, ira... fronte aos humanos crueis e insensíveis... son seres creados para loitar e defender a vida. 

  • A Gran Desconexión: A tecnoloxía e a ciencia.

Presentación de Luz Divina (Páxina 32)

As universidades ao servizo da economía e das empresas, a pandemia e o negocio das empresas farmacéuticas.

  • A Cobiza:

Diario de Luz Divina (Páxina 39)

O título da novela aparece citado en varios lugares do texto, é a cobiza a que conduce ao ser humano á súa deshumanización?...

 


( Presentación de Cobiza no Club Faro de Vigo)