Amosando publicacións coa etiqueta encontro co autor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta encontro co autor. Amosar todas as publicacións

mércores, 21 de decembro de 2022

Recibimos ao escritor Manuel Portas, "Unha cervexa Chang"

 O club de ectura de 2º de bacharelato de Literatura galega do século XX realizou un encontro lector co escritor Manuel Portas arredor da súa novela "Unha cervexa Chang"; sen dúbida foi un proveitoso encontro no que debullaron o libro, fixéron preguntas ao autor e analizaron a trama a partir dun mural que a rapazada do club tiña previamente preparado;  e para finalizar compartimos un cacho de rosca para celebrar o noso premio:


 



 

 

xoves, 24 de marzo de 2022

Encontro lector con ROSA ANEIROS arredor de SIBILA

 




No Salón do Libro tivemos a grande sorte de poder realizar un encontro lector coa narradora Rosa Aneiros para compartir impresións e falar da súa última obra para o público adulto Sibila, obra que viñamos de ler nos clubs de bacharelato.

Rosa Aneiros falounos do proceso da escrita, do seu proceso creador mais asegurounos que a Literatura só existe cando nós lemos o libro; para ela non existe unha literatura única senón que cada lector crea o seu propio libro; "o valor da literatura está en quen a le". 

Di a escritora que "as liñas en branco son o único que lle quedan das historias que escribe"; comparounos a escrita cun iceberg, o autor sabe moitas máis cousas dos personaxes e as historias que o lector.

Falamos logo dos gustos lectores da rapazada, das sagas literarias, da literatura en galego feita por mulleres e finalmente o noso alumnado realizoulle unhas recomendacións lectoras que ela agradeceu.




venres, 18 de marzo de 2022

Encontro lector con Fran Alonso "Douche a miña palabra"


 No marco do Salón do Libro puidemos realizar un encontro lector do club de 1º de ESO B arredor do seu ensaio "Douche a miña palabra" e co de 3º de ESO sobre o seu poemario "Terraza". O poeta, con moita paciencia e agarimo contounos como se fixo escritor, que experiencias o marcaron para decidir escoller ese camiño da escrita : " Eu quería ser escritor aos 14 anos e quería ler, escribía nun caderno", " Aínda sen enterder facía o esforzo de ler"; Contounos que aos 20 anos xa gañou premios literarios polos seus relatos e o seu primeiro libro Trailer gañou o Premio Blanco Amor.

Explicounos como se documenta para preparar a escrita dos seus libros ( por exemplo para Trailer viaxou en camión varios meses) toma notas das cousa que pasan en libretas; primeiro escribe un borrador, un esquema, fai varias correcccións de estilo, expresións, coherencia, unha terceira corrección.

Sobre a lectura contounos que ten moito de terapia, entender o que pasa, a lectura relaxa. Logo amablemente contestou a todas as nosas preguntas.



martes, 4 de maio de 2021

"IDENTIDADE" presentación da obra de NEE BARROS.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Grazas ao Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, a rapazada do club de lectura de 3º e 4º de ESO puideron encontrarse no noso centro co autor NEE BARROS que nos presentou a súa obra de teatro IDENTIDADE.

E sobre identidade de xénero, de diversidade, de sexo biolóxico, sobre a orientación sexual, sobre o xénero neutro: 

"Un simple acto, o de nacer, é o que marca a nosa vida" así comeza cunha voz en off a obra de teatro Identidade de Nee Barros.


 Unha presentación-obradoiro que nos serviu para preguntarnos, reflexionar sobre como nos sentimos representados na vida polo xénero, polo sexo, polas atracións...Dinos Nee Barros no encontro:

"Os pronomes non definen o noso xénero, con que pronome me sinto máis cómodo???"

"A identidade de xénero é como ti te sintes, como ti es, e non só é home ou muller, hai persoas que non se sinten representadas como home ou muller"


 

E na obra de teatro:

"(...) Está claro que os nomes, coma ti dixeches, crean vínculos coa familia; pero o meu creou un vínculo coa persoa equivocada. Creou un vínculo coa túa filla María, pero xa é hora de que te decates de que en realidade o teu fillo se chama Zé" di o personaxe de Zé no primeiro acto da obra de teatro nunha carta á súa nai.

Hai que realizar un proceso de autocoñecemento, o que importa é como me sinto e identifico eu. Este proceso, a loita pola aceptación dun mesmo e que os demais me acepten relátase na obra de teatro: 

" É que o xénero non ten que ver coa roupa, e nin sequera coa relación co teu corpo (...) Penso que todo o mundo está en certa maneira descontento coa súa categoría.." di Zé no segundo acto.

Mais creo que sería mellor que vos animarades a ler a obriña de teatro, a reflexionar e a debater sobre ela cxs compañeirxs.


Grazas Nee Barros e grazas ao Salón do Libro.

luns, 19 de outubro de 2020

Preparando o encontro lector coa escritora Eva Mejuto.

 O vindeiro día 23 de outubro visitaranos a escritora Eva Mejuto para falar con nós sobre "o oficio de escritora" e sobre a súa novela "22 segundos". Para ir sabendo algo máis dela podedes consultar este enlace da galipedia co seu currículo: 

EVA MEJUTO.

 

 


 



sábado, 28 de marzo de 2020

Mensaxe de ANDREA MACEIRAS ao alumnado dos clubs de lectura.

Nestes tempos de confinamento, a escritora Andrea Maceiras,  da que lemos obras en 1º de ESO ( Conta nove estrelas,) e 4º de ESO ( O que sei do silencio), e coa que tiñamos programado un encontro lector en abril na Coruña, conxuntamente co alumnado do IES Agra do Orzán desta cidade, amablemente quixo enviarnos esta mensaxe de ánimo lector: 

Grazas mil, Andrea Maceiras.


domingo, 22 de abril de 2018

"Tendencias" Carlos Negro en 3 segundos.



O pasado xoves recibimos no noso insti ao poeta recentemente nomeado  "Premio dos clubs clubs de lectura 2018"
e a pesar dos inconvenientes da folga de estudiantes puidemos desfrutar do seu obradoiro de poesía. E así foi coma o presentamos aos nosos compañeiros:





" CARLOS NEGRO é poeta, mestre e "muller de conto":

  •  CARLOS escolleu os versos para falar cos adolescentes, para transmitirlles a emoción, contaxialos coa beleza da palabra e facelos mirar cara a dentro, Carlos é POETA... coma Frederiko.
  • CARLOS sente coa súa rapazada, comunica, xoga coas palabras para namorala da literatura galega; docemente, co sabor do chocolate entrégalles haikus, achégaos á fermosura e á sabedoría. Carlos é MESTRE.
  • CARLOS é unha muller "penúltimas tendencias" que se busca a si mesma e que nos mira en "masculino singular". É el pero é ela, o home-muller do futuro. Carlos é unha MULLER DE CONTO.
IN XOCHILT, IN CUICAT
(FLOR E CANTO)

GRAZAS MIL, CARLOS NEGRO.




















mércores, 29 de novembro de 2017

A arte de trobar. Antón Lopo reúnese co club de lectura de adultos.



O escritor Antón Lopo reuniuse co noso grupo de lectura de adultos para compartir un cafeciño e falar sobre a súa obra A arte de trobar.
Iniciamos a conversa falando do xénero no que se podería encadrar a obra, histórico e de aventuras, comentounos que a súa intención ao escribir esta obra era divulgar as trobadoras occitanas e a hipótese de que porque aquí non podería ter habido trobadoras igual que na Provenza e suscitar o debate, agora que o Pergamiño Vindel está en Vigo, sobre a voz feminina nas Cantigas de Martín Codax (Martiño ou Martina?).

A orixe da obra está nunha conferencia que escoitou sobre poesía feminina aquitana e logo a súa cabeza que se puxo a crear.
Falamos do cinematográfico que ten a novela, a vista do falcón por exemplo, que introduciu a posteriori e non ten valor simbólico algún.
E así "destripamos" a novela pouco a pouco da man do seu autor. Grazas por acompañarnos.






E escribiu Santiago Lopo no seu Twitter:

No club de lectura de profesor@s do IES Sánchez Cantón de Pontevedra xa leron e parece que lles gustou... Ademais prepararon un menú digno de Guy de Lille! Excelente encontro literario. Grazas a e a tod@s integrantes do club.