Amosando publicacións coa etiqueta club 1º ESO 2. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta club 1º ESO 2. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de febreiro de 2019

TAMARA ANDRÉS coa rapazada do club de lectura de 1º de ESO

A POESÍA encheu de versos e colorido a nosa biblioteca na voz da poeta TAMARA ANDRÉS nun encontro poético que dificilmente esquecerá a nosa rapazada de 1º de ESO A.
Comezamos a sesión cunha performance na que son , palabras e flores marcaron as miradas sorprendidas de mozos e mozas que escoitaron abraiados os versos e participaron activamente desta teatralización da palabra, do poema con aroma a flor:


        

Co auditorio xa conquistado pola fermosura da voz poética e dos versos, a poeta compartiu coa mocidade como sentiu a necesidade de escribir lírica e como foi publicando a súa obra, dándose a coñecer no mundiño literario, os premios e recoñecementos que acadou polos seus poemarios.



Tamén lles falou de Irmá paxaro, a obra finalista do premio Mª Victoria Moreno que vai ser publicada en breve por Urco Editora.
Libros de poesía,obras de  traducións foron pasando de man en man baixo a mirada atenta dos adolescentes.


 E chegou o reto poético: a cabeza, un disparo e un fantasma para representar, poñer en escea e fotografar, aquí tedes algún dos resultados:















E de remate a unha enriquecedora sesión poética, a fotografía final todos e todas xuntos:





sábado, 28 de outubro de 2017

Palabras de auga de Marcos Calveiro no club de 1º de ESO grupo 2.


Lecturas man a man, chocolate e moita ilusión o xoves na biblio para comezar a andaina lectora dos rapaces e rapazas de 1º de ESO grupo 2.

Puntualísimos esperaban a súa coordinadora coa sorpresa debuxada nos ollos: Que vai ser isto do club de lectura?

Explicamos, repartimos os contratos de responsabilidade, comemos boliñas de chocolate (non quedou ningunha) e presentamos esta obriña de Marcos Calveiro que aínda que xa foi publicada hai uns aniños segue a ser unha boa aposta para gozar da súa lectura nun club e comentar, profundar nela e analizala.


Esperamos que gocen de compartir lecturas este curso e que lles guste a novela.

Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro (escolma):

O tema de fondo é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…

É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes.

Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.

Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias.