Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de outubro de 2026

Novos comezos para o club de familias

Volver, ás veces, faise complicado, mais non nesta ocasión, pois retomar un club de lectura sempre é motivo de ledicia. Deste xeito, o pasado mércores 23 de setembro tivo lugar a primeira reunión do club de lectura de familias. A cita, que xirou arredor da obra Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, incluíu tamén unha benvida das novas compañeiras.


Como ben se pode comprobar na imaxe, a conversa foi ben entretida e interesante, pois a novela proposta retrata temas como a maternidade, a prostitución, as relacións humanas, as ausencias ou os novos comezos. Así, comezamos falando dos contactos de emerxencia dos teléfonos móbiles actuais, unha funcionalidade que moitas das participantes descoñeciamos, e continuamos esmiuzando as diferentes personaxes que van ganduxando a trama orquestrada por Portabales.

Igual que en calquera ámbito, as opinións foron dispares no que atinxe ás temáticas que formaron parte na conversación. Precisamente, o interesante foi coñecer máis polo miúdo a imaxe que as diferentes participantes tiñamos sobre Marina, Sara, Carmela e mais Viviana (Alicia) e todo o ronsel de nomes secundarios que atravesan as páxinas da obra. Non obstante, o punto que conseguiu achegar a todas as nosas participantes do club foi a necesidade da comunicación e o contacto humanos, sobre todo cando as cousas non van especialmente ben.

Por último, antes da despedida, tocou presentar o libro de outubro para o club de familias. Neste caso, seguimos con literatura de muller e cunha historia que mestura os segredos familiares, os misterios e unha Galicia rural moi emparentada con aquela que nos presentan Neira Vilas ou Fernández Paz nas súas obras. A novela, Esta tarde hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes, será a protagonista da tarde do mércores 21 de outubro, data da próxima reunión.


venres, 8 de novembro de 2019

Visitounos Fran P. Lorenzo "Cabalos e lobos"



"Cabalos e lobos" do escritor vigués, Fran P. Lorenzo foi a novela lida neste trimestre polos clubs de lectura de 1º de bacharelato, narrativa en galego e este venres tivemos o pracer de conversar co autor que amablemente contestou ás nosa preguntas arredor da lectura.

Vigo, a represión franquista, a homosexualidade, a presenza nazi na cidade olívica na posguerra, foron os temas centrais arredor dos cales  xirou a conversa a maiores das moitas preguntas que se fixeron sobre o argumento da novela,  das actitudes e comportamentos dos personaxes da familia.

venres, 12 de xaneiro de 2018

Encontro lector: Xosé Monteagudo dialoga co club de lectura de 2º de bacharelato arredor da súa novela "Todo canto fomos"


Estamos encantados coa visita que recibimos do escritor Xosé Monteagudo.
Rematada a lectura nos clubs de 2º de bacharelato da novela Todo canto fomos, o autor tivo a amabilidade de encontrarse con nós e responder con sabedoría e moita paciencia ao batallón de preguntas que lle fixemos; e estas son algunhas das cousiñas sobre a obra que nos contou.
  • Sobre os personaxes falounos de Amaro, o primeiro dos personaxes da historia que creou e que vive na historia as peripecias máis amplas; Cada personaxe foi creado coa súa historia de maneira autónoma e logo o escritor encaixou as súas historias. El sabe cando escribe como van rematar as súas historias e os personaxes evolucionan a medida que escribe, di que se fai un guión decomo han de evolucionar os personaxes estes perden vida. Os personaxes teñen que ter unha vida propia e acumular unhas reflexións propias.

  • O labor de documentación: Contounos que non lle gusta moito documentarse, o que lle gusta é escribir pero nesta novela o marco histórico e a xeografía condicionárono, por exemplo no tema da Illa de San Simón hai memoria dos presos que responde a realidade do que aconteceu alí.No tema da pesca houbo unha persoa que o ilustrou sobre como era esta nesa época.

  • En todas as novelas hai algo seu pero non responden á súa biografía, as experiencias que cada un ten fan que mude a súa forma de pensar e é o que trato de reflectir nos meus personaxes. Carlota é o personaxe que espertou máis simpatías entre os lectores, para creala inspireime en personaxes que viviron o que ela vive na novela, no ensino naquela época, o labor dun mestre como instrumento que pode cambiar a sociedade, non é un caso concreto senón varios.
  • Un escritor sempre escribe tres novelas: a que quere escribir, a que escribe e a que pensa que escribiu, esta levoume cinco anos e absorbeulle tempo e enerxías.
  • Non cre que a función da novela sexa facer unha crítica, mais ben unha incitación á reflexión do lector, a interpretación da realidade segundo le.
  • Respecto do proceso da escrita dinos que hai unha primeira idea e logo pénsase ao escribir, non se planea previamente, para el é moi importante desenvolver a historia.
  • Tiña unha idea previa da estrutura, escribiu as historias sabendo que formaban parte da mesma historia pero non as encaixou ata o final do proceso.

" Quixen que a novela dese a voz aos que non tiveron voz"


E rematamos a sesión cunha fotiño para a lembranza e a acostumada sinatura de libros.