Amosando publicacións coa etiqueta todo canto fomos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta todo canto fomos. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de decembro de 2018

Visitounos Xosé Monteagudo para falar de "Todo canto fomos".


O pasado 17 de decembro, o alumnado dos clubs de 2º de bacharelato recibimos ilusionados a visita do escritor Xosé Monteagudo para falar da súa novela "Todo canto fomos"; coa amabilidade que lle é habitual e con moita paciencia o escritor foi respondendo a todas as nosa preguntas sobre a trama da novela, os personaxes, a ambientación e sobre o proceso da escrita.

Preguntas sobre a dificultade que conleva escribir sobre feitos reais e mesmo introducir personaxes históricos na trama da obra servíronnos para valorar o importante proceso de documentación que o autor debe facer antes de escribir e o respecto con que se deben tratar a estes personaxes.

Moi emotivo foi cando presentamos a Xosé Monteagudo a Aarón Fontán, o noso compañeiro escritor ( https://saladelecturasc.blogspot.com/2018/11/testigos-de-la-verdad-de-aaron-fontan.html ) , e con canta delicadeza lle recomendou escribir e escribir como mellor consello para ser escritor.

Seica cada vez que nos visita Xosé Monteagudo trae da man a Carlota ( a nosa personaxe preferida) e aos demais personaxes de Todo canto fomos que non nos cansamos de escoitalo.

Moitas Grazas Xosé Monteagudo.




venres, 12 de xaneiro de 2018

Encontro lector: Xosé Monteagudo dialoga co club de lectura de 2º de bacharelato arredor da súa novela "Todo canto fomos"


Estamos encantados coa visita que recibimos do escritor Xosé Monteagudo.
Rematada a lectura nos clubs de 2º de bacharelato da novela Todo canto fomos, o autor tivo a amabilidade de encontrarse con nós e responder con sabedoría e moita paciencia ao batallón de preguntas que lle fixemos; e estas son algunhas das cousiñas sobre a obra que nos contou.
  • Sobre os personaxes falounos de Amaro, o primeiro dos personaxes da historia que creou e que vive na historia as peripecias máis amplas; Cada personaxe foi creado coa súa historia de maneira autónoma e logo o escritor encaixou as súas historias. El sabe cando escribe como van rematar as súas historias e os personaxes evolucionan a medida que escribe, di que se fai un guión decomo han de evolucionar os personaxes estes perden vida. Os personaxes teñen que ter unha vida propia e acumular unhas reflexións propias.

  • O labor de documentación: Contounos que non lle gusta moito documentarse, o que lle gusta é escribir pero nesta novela o marco histórico e a xeografía condicionárono, por exemplo no tema da Illa de San Simón hai memoria dos presos que responde a realidade do que aconteceu alí.No tema da pesca houbo unha persoa que o ilustrou sobre como era esta nesa época.

  • En todas as novelas hai algo seu pero non responden á súa biografía, as experiencias que cada un ten fan que mude a súa forma de pensar e é o que trato de reflectir nos meus personaxes. Carlota é o personaxe que espertou máis simpatías entre os lectores, para creala inspireime en personaxes que viviron o que ela vive na novela, no ensino naquela época, o labor dun mestre como instrumento que pode cambiar a sociedade, non é un caso concreto senón varios.
  • Un escritor sempre escribe tres novelas: a que quere escribir, a que escribe e a que pensa que escribiu, esta levoume cinco anos e absorbeulle tempo e enerxías.
  • Non cre que a función da novela sexa facer unha crítica, mais ben unha incitación á reflexión do lector, a interpretación da realidade segundo le.
  • Respecto do proceso da escrita dinos que hai unha primeira idea e logo pénsase ao escribir, non se planea previamente, para el é moi importante desenvolver a historia.
  • Tiña unha idea previa da estrutura, escribiu as historias sabendo que formaban parte da mesma historia pero non as encaixou ata o final do proceso.

" Quixen que a novela dese a voz aos que non tiveron voz"


E rematamos a sesión cunha fotiño para a lembranza e a acostumada sinatura de libros.



martes, 31 de outubro de 2017

TODO CANTO FOMOS DE XOSÉ MONTEAGUDO nos clubs de 2º de bacharelato (grupos 1,2 e 3).


Unha chea de rapaces e rapazas de 2º de bacharelato (45 repartidos en tres grupos) que desexan compartir lecturas e aprender algo máis de "todo canto fomos" na nosa vila  da man dos personaxes de ficción protagonistas da novela e de algúns outros reais coma Castelao ou Bóveda que pasean a vida polas rúas  de Pontevedra.

 Unha chea de vidas que pouco a pouco van ir tecendo a urdidura ata completar un cadro completo da historia do noso país :

“Todo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias; poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.

Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar  sociedade galega actual.

Esperemos que estes mozos e mozas de segundo de bacharelato gocen da súa lectura e desfruten falando e compartindo as súas apreciacións sobre ela.

Desexámoslles unha feliz singradura polas súas páxinas.