Volver, ás veces, faise complicado, mais non nesta ocasión, pois retomar un club de lectura sempre é motivo de ledicia. Deste xeito, o pasado mércores 23 de setembro tivo lugar a primeira reunión do club de lectura de familias. A cita, que xirou arredor da obra Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, incluíu tamén unha benvida das novas compañeiras.
Como ben se pode comprobar na imaxe, a conversa foi ben entretida e interesante, pois a novela proposta retrata temas como a maternidade, a prostitución, as relacións humanas, as ausencias ou os novos comezos. Así, comezamos falando dos contactos de emerxencia dos teléfonos móbiles actuais, unha funcionalidade que moitas das participantes descoñeciamos, e continuamos esmiuzando as diferentes personaxes que van ganduxando a trama orquestrada por Portabales.
Igual que en calquera ámbito, as opinións foron dispares no que atinxe ás temáticas que formaron parte na conversación. Precisamente, o interesante foi coñecer máis polo miúdo a imaxe que as diferentes participantes tiñamos sobre Marina, Sara, Carmela e mais Viviana (Alicia) e todo o ronsel de nomes secundarios que atravesan as páxinas da obra. Non obstante, o punto que conseguiu achegar a todas as nosas participantes do club foi a necesidade da comunicación e o contacto humanos, sobre todo cando as cousas non van especialmente ben.
Por último, antes da despedida, tocou presentar o libro de outubro para o club de familias. Neste caso, seguimos con literatura de muller e cunha historia que mestura os segredos familiares, os misterios e unha Galicia rural moi emparentada con aquela que nos presentan Neira Vilas ou Fernández Paz nas súas obras. A novela, Esta tarde hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes, será a protagonista da tarde do mércores 21 de outubro, data da próxima reunión.

Ningún comentario:
Publicar un comentario