Amosando publicacións coa etiqueta club de familias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta club de familias. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de outubro de 2026

Novos comezos para o club de familias

Volver, ás veces, faise complicado, mais non nesta ocasión, pois retomar un club de lectura sempre é motivo de ledicia. Deste xeito, o pasado mércores 23 de setembro tivo lugar a primeira reunión do club de lectura de familias. A cita, que xirou arredor da obra Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, incluíu tamén unha benvida das novas compañeiras.


Como ben se pode comprobar na imaxe, a conversa foi ben entretida e interesante, pois a novela proposta retrata temas como a maternidade, a prostitución, as relacións humanas, as ausencias ou os novos comezos. Así, comezamos falando dos contactos de emerxencia dos teléfonos móbiles actuais, unha funcionalidade que moitas das participantes descoñeciamos, e continuamos esmiuzando as diferentes personaxes que van ganduxando a trama orquestrada por Portabales.

Igual que en calquera ámbito, as opinións foron dispares no que atinxe ás temáticas que formaron parte na conversación. Precisamente, o interesante foi coñecer máis polo miúdo a imaxe que as diferentes participantes tiñamos sobre Marina, Sara, Carmela e mais Viviana (Alicia) e todo o ronsel de nomes secundarios que atravesan as páxinas da obra. Non obstante, o punto que conseguiu achegar a todas as nosas participantes do club foi a necesidade da comunicación e o contacto humanos, sobre todo cando as cousas non van especialmente ben.

Por último, antes da despedida, tocou presentar o libro de outubro para o club de familias. Neste caso, seguimos con literatura de muller e cunha historia que mestura os segredos familiares, os misterios e unha Galicia rural moi emparentada con aquela que nos presentan Neira Vilas ou Fernández Paz nas súas obras. A novela, Esta tarde hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes, será a protagonista da tarde do mércores 21 de outubro, data da próxima reunión.


martes, 14 de maio de 2024

Villalta-Aneiros no club de lectura de familias

 


Na sesión de hoxe do club de lectura da familias falamos e lemos a dúas grandes autoras da literatura galega: A narradora Rosa Aneiros coa súa novela Resistencia e a poeta Luísa Villalta ( Letras galegas 2024) coa antoloxía Así vou eu, formando parte ( edición de Eva Veiga e Pilar Pallarés).

O encontro deu moito de si e durante a hora e media que durou puidemos visionar unha presentación sobre os espazos da novela de Aneiros, falamos de amores, de dictaduras, de Portugal, de historia e sociedade e da obra da autora. 

Logo puidemos ler unha semblanza da poeta coruñesa (biografía e obra) e cada participante escolleu e leu un poema de Villalta para logo comentalo.

Unha sesión do máis enriquecedora, para a próxima reunión leremos 22 segundos da autora Eva Mejuto, será o 18 de xuño ás 18 horas. 



xoves, 14 de marzo de 2024

Carlos Negro e "O tempo dos lagartos" no club de familias.



 O pasado martes tivemos o pracer de recibir no noso club de familias ao poeta Carlos Negro e todo o seu mundo poético do tempo dos lagartos. No encontro lector puidemos compartir con el as nosas impresións, sensacións que puidemos sentir ao ler o seu poemario, falamos de adolescencia, das mudanzas físicas e emocionais que se dan na nosa rapazada nesta etapa da súa vida, e como non, de ser pais e nais e compartilo. Falamos tamén de poesía e de ser lector de poesía.


Logo desfrutamos escoitando recitar a Carlos Negro (que ben o fai!) e  conseguiu conmovernos no máis fondo.



mércores, 7 de febreiro de 2024