Amosando publicacións coa etiqueta clubs de 2º de bacharelato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta clubs de 2º de bacharelato. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de maio de 2019

Lecturas para rematar o curso lector. 2ºbacharelato: "Tu contas e eu conto" Susana Sánchez Aríns.

2º Bacharelato, despídese dos clubs (despois de tres cursos de fidelidade total) e do centro.



Tu contas e eu conto, obra de Susana Sanchez Arins, foi un tanto interesante e sorprendente tanto polo seu idioma como pola sua estructura e temas a tratar. A primeira historia foi referencia a un parto, no cal a protagonista do mesmo, Marta, era axudada por unha enfermeira na ausencia do seu marido, Marcos. esta a sua vez falava con empregados da que probablemente sería a suavizar empresa posto que era coñecida como "bossy". neste capítulo, tamén queda de manifesto a escaseza de elementos médicos na época na que se desenvolve a historia, ou polo menos, nese concreto hospital, posto que a epidural, que lle fora asinada nun primeiro momento, era demandada na zona de urxencias do hospital. finalmente chega o seu marido. este foi o meu relato favorito, posto que trata con moita naturalidade. e con certo ton propio unha película, un tema que na mayoría dos casos pode ser como tabú, ou que produce certa vergoña falar do mesmo.
falaba*
En canto ao referente á estructura chamoume a atención a disposición dos relatos, posto que estes estaban separados por un poema nop que ao meu entender, facía referencia a algún aspecto importante tratado anteriormente no relato. por exemplo o do Tito Alba e o posterior poema no que explica ao que se refire con rara, que tamén da nome ao poema. e respecto ao idioma, taño que decir que anda que en trazos xerais non era mol doado comprender os grandes rasgos da obra, a nivel particular desde o meu punto de vista si que me presentou algún que outro problema para coñecer o significado de determinados vocablos, o que tamén me impediu comprender correctamente o último capitulo propósito para ler. Aínda así, considero que ler noutro idioma que non é o oficial no noso territorio, ou que ao menos, estamos acostumados a falar, é unha experiência moi enriquecedora que pode abrir a nosa mente a novos puntos de vista, así como aumentar o noso vocabulario noutros idiomas. Recoméndoo sen ningunha. dúbida.
Nerea Arosa, 2º Bach E


O libro “TU CONTAS E EU CONTO” de Susana Sanches Arins, foi una novidade para min, xa que nunca me atrevera a leer un libro escrito en reintegrado.

Pareceme un libro innovador en moitos sentidos, destacamos por exemplo que trátase dunha obra que contén 17 relatos e 17 poemas e que ao rematar cada relatato aparece un poema.

Ao comezar o primer relato tiven medo de non entender nada, o primeiro “o parto”, pareceume sinxelo de leer e entender pero ao cambiar ao seguinte , xa me perdin un pouco, así como o terceiro , ambos tiven que releelos dúas veces.

Ata aquí pode decir do pouco que puiden leer, pero espero seguir con este libro e gustaríame enterarme que pasou con Marcos e con Marta.

PAULA SARRAPIO FARIÑA, 2º E BACH

Felices camiños lectores para todxs:




xoves, 20 de decembro de 2018

Visitounos Xosé Monteagudo para falar de "Todo canto fomos".


O pasado 17 de decembro, o alumnado dos clubs de 2º de bacharelato recibimos ilusionados a visita do escritor Xosé Monteagudo para falar da súa novela "Todo canto fomos"; coa amabilidade que lle é habitual e con moita paciencia o escritor foi respondendo a todas as nosa preguntas sobre a trama da novela, os personaxes, a ambientación e sobre o proceso da escrita.

Preguntas sobre a dificultade que conleva escribir sobre feitos reais e mesmo introducir personaxes históricos na trama da obra servíronnos para valorar o importante proceso de documentación que o autor debe facer antes de escribir e o respecto con que se deben tratar a estes personaxes.

Moi emotivo foi cando presentamos a Xosé Monteagudo a Aarón Fontán, o noso compañeiro escritor ( https://saladelecturasc.blogspot.com/2018/11/testigos-de-la-verdad-de-aaron-fontan.html ) , e con canta delicadeza lle recomendou escribir e escribir como mellor consello para ser escritor.

Seica cada vez que nos visita Xosé Monteagudo trae da man a Carlota ( a nosa personaxe preferida) e aos demais personaxes de Todo canto fomos que non nos cansamos de escoitalo.

Moitas Grazas Xosé Monteagudo.




mércores, 7 de marzo de 2018

INVISIBLES: Encontro lector coa escritora Montserrat Fajardo e a Concelleira da muller, Carmen Fouces. Actos reivindicativos arredor do 8 de Marzo.


No día de onte, o alumnado do club de lectura de 2º da ESO e do Consello da Muller Nova do noso IES participou na biblioteca nun emotivo encontro con Montse Fajardo a autora da lectura deste trimestre no club INVISIBLES (escollida desta vez polo propio alumnado).

Difícil é concentrar en poucas liñas o duro que resultou este encontro para todos e todas nós polo tema central do libro - o maltrato e a situación das mulleres que o sofren-  tendo en conta a boa comunicación que se estableceu entre o auditorio - a autora - a sra. concelleira.

Falamos da invisibilidade destas mulleres que sofren en silencio, de asasinatos, de maltrato psicolóxico, de xustiza, de vítimas... de Eva, de Mariluz,  de Tina, de Irene, de Marga, de Begoña presentes no encontro na voz de Montse e de Carmen... coma se soe dicir coloquialmente todas e todos cos sentimentos a flor de pel, as bágoas, os silencios... o encontro coa autora que nos encolleu o corazón.

Unha lección do alumnado reivindicando información, coñecemento, que se lles permita decidir e opinar... alzaron as súas voces con forza e enerxía e prendeu en nós os adultos presentes a esperanza e confianza nestas xeracións do futuro; grazas mil ás voces de muller, de Montse e de Carmen por facelo posible.

Hoxe o libro rulaba xa entre alumnas e alumnos que non pertencen aos clubs nen ao CMN, nunca tal vin, só quedaban dous exemplares disponibles... e mañá seremos moitos  e moitas os que recitaremos, falaremos, cantaremos... no acto que entre todos e todas preparamos para que mulleres coma Mariluz, Eva, Begoña... NUNCA MÁIS SEXAN INVISIBLES.








venres, 12 de xaneiro de 2018

Encontro lector: Xosé Monteagudo dialoga co club de lectura de 2º de bacharelato arredor da súa novela "Todo canto fomos"


Estamos encantados coa visita que recibimos do escritor Xosé Monteagudo.
Rematada a lectura nos clubs de 2º de bacharelato da novela Todo canto fomos, o autor tivo a amabilidade de encontrarse con nós e responder con sabedoría e moita paciencia ao batallón de preguntas que lle fixemos; e estas son algunhas das cousiñas sobre a obra que nos contou.
  • Sobre os personaxes falounos de Amaro, o primeiro dos personaxes da historia que creou e que vive na historia as peripecias máis amplas; Cada personaxe foi creado coa súa historia de maneira autónoma e logo o escritor encaixou as súas historias. El sabe cando escribe como van rematar as súas historias e os personaxes evolucionan a medida que escribe, di que se fai un guión decomo han de evolucionar os personaxes estes perden vida. Os personaxes teñen que ter unha vida propia e acumular unhas reflexións propias.

  • O labor de documentación: Contounos que non lle gusta moito documentarse, o que lle gusta é escribir pero nesta novela o marco histórico e a xeografía condicionárono, por exemplo no tema da Illa de San Simón hai memoria dos presos que responde a realidade do que aconteceu alí.No tema da pesca houbo unha persoa que o ilustrou sobre como era esta nesa época.

  • En todas as novelas hai algo seu pero non responden á súa biografía, as experiencias que cada un ten fan que mude a súa forma de pensar e é o que trato de reflectir nos meus personaxes. Carlota é o personaxe que espertou máis simpatías entre os lectores, para creala inspireime en personaxes que viviron o que ela vive na novela, no ensino naquela época, o labor dun mestre como instrumento que pode cambiar a sociedade, non é un caso concreto senón varios.
  • Un escritor sempre escribe tres novelas: a que quere escribir, a que escribe e a que pensa que escribiu, esta levoume cinco anos e absorbeulle tempo e enerxías.
  • Non cre que a función da novela sexa facer unha crítica, mais ben unha incitación á reflexión do lector, a interpretación da realidade segundo le.
  • Respecto do proceso da escrita dinos que hai unha primeira idea e logo pénsase ao escribir, non se planea previamente, para el é moi importante desenvolver a historia.
  • Tiña unha idea previa da estrutura, escribiu as historias sabendo que formaban parte da mesma historia pero non as encaixou ata o final do proceso.

" Quixen que a novela dese a voz aos que non tiveron voz"


E rematamos a sesión cunha fotiño para a lembranza e a acostumada sinatura de libros.



martes, 31 de outubro de 2017

TODO CANTO FOMOS DE XOSÉ MONTEAGUDO nos clubs de 2º de bacharelato (grupos 1,2 e 3).


Unha chea de rapaces e rapazas de 2º de bacharelato (45 repartidos en tres grupos) que desexan compartir lecturas e aprender algo máis de "todo canto fomos" na nosa vila  da man dos personaxes de ficción protagonistas da novela e de algúns outros reais coma Castelao ou Bóveda que pasean a vida polas rúas  de Pontevedra.

 Unha chea de vidas que pouco a pouco van ir tecendo a urdidura ata completar un cadro completo da historia do noso país :

“Todo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias; poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.

Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar  sociedade galega actual.

Esperemos que estes mozos e mozas de segundo de bacharelato gocen da súa lectura e desfruten falando e compartindo as súas apreciacións sobre ela.

Desexámoslles unha feliz singradura polas súas páxinas.