Amosando publicacións coa etiqueta Rosa Aneiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosa Aneiros. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de abril de 2026

"Escribo porque me gusta moitísimo imaxinar" Encontro lector con Rosa Aneiros.


     No día de hoxe, os clubs de lectura de 1º de bacharelato, tivemos o pracer de desfrutar dun encontro lector coa escritora Rosa Aneiros ao redor da lectura da novela gañadora do premio Raíña Lupa, Unha historia de amor coma outra calquera.

    O faladoiro coa escritora foi moi completo xa que se centrou na obra lida polos clubs ( temas, escrita, contexto, documentación e ambientación da novela, as e os  perfís dos e das personaxes, música, argumento, obxectivos de transmisión, bases científicas... ) e tamén noutros coma as lecturas da rapazada, a escrita ( relacionando coa anterior actividade na radio), as competencias da escritora para "intentar meterse na cabeza do outro", a súa inquedanza para "preocuparse polo mundo que lles estamos deixando a nivel humano", ou a "necesidade de fomentar  a curiosidade e a imaxinación", etc.

    Rosa Aneiros defende que "lemos o que queremos ler", "somos todos diferentes" mais na adolescencia prima o que nos une , falamos do que nos une, do que nos fai ser iguais e a ela gústalle "xogar coas palabras", "intentar meterse na cabeza do outro" e iso é o que lle permite a literatura.

A respecto da súa traxectoria literaria di que "procura romper moito entre obra e obra, cambiar de rexistro ao escribir"; un encontro moi enriquecedor para a anosa rapazada lectora no que a escritora amablemente déunolo todo, mil grazas Rosa Aneiros.


martes, 24 de marzo de 2026

Viaxamos á Antartida co biólogo Luís Sampedro e con "Unha historia de amor como outro calquera" de Rosa Aneiros.


 Tras a lectura da novela de Rosa Aneiros Un amor como outro calquera" nos clubs de lectura de 1º de bacharelato B e o club de C quedamos con ganas de ampliar os nosos coñecementos sobre a Antártida e as investigacións científicas que alí se realizan e nada mellor que un encontro co biólogo mariño Luís Sampedro, investigador do CSIC na Misión Biolóxica de Salcedo (Pontevedra) que participou dun proxecto de investigación no continente branco e que ben podería ser o alter ego da Olalla Caínzos da nosa lectura.


Comezamos a sesión coa lectura dun fragmento escollido da nosa novela por Laura e a seguir Cecilia fíxolle un resumo da obra ao investigador para xa logo cederlle a palabra. Ao londo dunha hora a súa exposición divulgativa engaiolonos, falounos do proxecto que alí desenvolveu, de como o presentou, da viaxe ata a Antártida, da súa xeografía, temperatura, condicións de vida, do efecto espello, da organización do xeo e a súa expansión... foi superinteresante ver as imaxes que nos amosou, ver un albatros coma o albatros ferido que viu Olalla Caínzos e poder realizar preguntas que Luís Sampedro contestou con rigor e amabilidade.

E como queremos máis, o noso biólogo, que por certo levou a novela de Rosa Aneiros para ler, prometeunos volver despois das vacacións para falarnos da descomposición das algas e os seus efectos que alí estudou e do seu proxecto actual.

Sentímonos moi agradecidos e agradecidas a Luís pola súa amabilidade que nos conquistou e xa preparamos o próximo encontro ( a ver que impresións nos transmite da lectura da novela).



mércores, 14 de xaneiro de 2026

"Unha historia de amor como outro calquera" de Rosa Aneiros nos clubs de lectura de 1º Bach. B e 1º de Bach. C

 Pois xa estamos repartindo os exemplares de lectura da novela xuvenil da nosa querida Rosa Aneiros nos clubs de lectura de 1º de bacharelato, B e C Un amor coma outro calquera, ganñadora do Premio Raíña Lupa 2024. Para ir abrindo boca xa lles deixamos un pequeno adianto sobre elementos narrativos da obra: 


E na nosa reunión de hoxe xa fixemos as primeiras imaxes: 



martes, 14 de maio de 2024

Villalta-Aneiros no club de lectura de familias

 


Na sesión de hoxe do club de lectura da familias falamos e lemos a dúas grandes autoras da literatura galega: A narradora Rosa Aneiros coa súa novela Resistencia e a poeta Luísa Villalta ( Letras galegas 2024) coa antoloxía Así vou eu, formando parte ( edición de Eva Veiga e Pilar Pallarés).

O encontro deu moito de si e durante a hora e media que durou puidemos visionar unha presentación sobre os espazos da novela de Aneiros, falamos de amores, de dictaduras, de Portugal, de historia e sociedade e da obra da autora. 

Logo puidemos ler unha semblanza da poeta coruñesa (biografía e obra) e cada participante escolleu e leu un poema de Villalta para logo comentalo.

Unha sesión do máis enriquecedora, para a próxima reunión leremos 22 segundos da autora Eva Mejuto, será o 18 de xuño ás 18 horas. 



xoves, 24 de marzo de 2022

Encontro lector con ROSA ANEIROS arredor de SIBILA

 




No Salón do Libro tivemos a grande sorte de poder realizar un encontro lector coa narradora Rosa Aneiros para compartir impresións e falar da súa última obra para o público adulto Sibila, obra que viñamos de ler nos clubs de bacharelato.

Rosa Aneiros falounos do proceso da escrita, do seu proceso creador mais asegurounos que a Literatura só existe cando nós lemos o libro; para ela non existe unha literatura única senón que cada lector crea o seu propio libro; "o valor da literatura está en quen a le". 

Di a escritora que "as liñas en branco son o único que lle quedan das historias que escribe"; comparounos a escrita cun iceberg, o autor sabe moitas máis cousas dos personaxes e as historias que o lector.

Falamos logo dos gustos lectores da rapazada, das sagas literarias, da literatura en galego feita por mulleres e finalmente o noso alumnado realizoulle unhas recomendacións lectoras que ela agradeceu.




domingo, 11 de abril de 2021

"Xelís, o guieiro das botellas de mar" de Rosa Aneiros.

 


 O pasado venres, o club de 1º de ESO, grupo 1 de 1º C, tivemos a sesión final de "Xelís, o guieiro das botellas de mar" de Rosa Aneiros e con ilustracións de Andrés Meixide.

Á rapazada do club gustou moito da noveliña, aínda que nalgún momento se sentiron desconcertados xa que no capítulo da botella esperaban unha acción máis rápida e lixeira.

 

Falamos moito da necesidade que hoxe en día temos de guieiros, de Xelís que se comprometan co medio ambiente e reaccionen para evitar que os plásticos acaben co noso mundo; pensan que é un libro moi necesario e que axuda a concienciarnos de que temos que movernos e perservar o noso medio natural, evitar a contaminación; tamén nos suxeriu a lectura do libro falar da Celulosas e do seu impacto na ría de Pontevedra.

Durante toda a sesión estivemos acompañados dos pequenos Xelís que eles e elas construíron co modelo que se facilita no libro, mirade que lindos Xelís: