Amosando publicacións coa etiqueta Iria Morgade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iria Morgade. Amosar todas as publicacións

venres, 19 de abril de 2024

Quen escribirá a miña historia? de Iria Morgade Valcárcel no club de 1º de bacharelato.


 O tema da Memoria segue sendo unha constante nas nosas lecturas e neste caso escollemos esta novela de Iria Morgade  Quen escribirá a miña historia? que nos foi recomendada por Pepe Álvarez cando nos visitou para entrevistalo e gravar o podcast.

Unha historia moi dura que nos leva desde a actualidade (ano 2020) ata 1939, ao remate da Guerra Civil española momento máis cruel de represalias contra os integrantes do bando dos perdedores, o bando republicano. 

Alba trasládanos ao fermoso mosteiro de Oia, o único a carón do mar, e  nunha visita ao mesmo vaise atopar cunha realidade que nada ten coa fermosura: O mosteiro foi un campo de concentración franquista e alí consérvanse unha pinturas nun dos seus muros que a van facer investigar sobre a vida dun dos presos, Eugenio Blanca.

 (O mosteiro campo de concentración)

( As pinturas do mosteiro)

 A partir de aquí vanse alternar en saltos temporais as historias de Alba no presente e a de Eugenio, os compañeiros presos e os seus crueis carcereiros no pasado.

Unha historia moi conmovedora e moi ben artellada estruturalmente falando, unha historia tecida con palabras fermosas que cosen fíos  para visibilizar e achegarnos a un pasado recente que non debemos esquecer,  que nos vai emocionar e conmover.

Información sobre a autora: Iria Morgade



luns, 27 de novembro de 2023

Entrevistamos ao historiador Pepe Álvarez. Memoria e lectura.



 
O pasado luns un grupo de mozas dos nosos clubs de 4º de ESO e 1º de Bacharelato puideron entrevistar ao historiador e profesor especialista no tema da represión na Ditadura Franquista,  Pepe Álvarez ao tempo que se gravaba un podcast para participar no programa de Memoria de elefanta (programa municipal de mocidade e Memoria). 

A conversa foi moi construtiva xa que lles aportou moita información sobre os represaliados e represaliadas na nos zona durande a Guerra Civil e posteriormente; faloulles das Asociación pola memoria e do traballo que realizan para visibilizar os casos e axudar ás familias no proceso de recuperación dos restos dos desaparecidos.

" Para poñer en valor algo, díxolles, primeiro hai que coñecelo, ler libros, ver documentais, contactar con asociacións, realizar proxectos en clase... sobre o tema (...) Hai que falar do pasado máis traumático, a Memoria explica o pasado e fai que entendamos o presente"

Pepe Álvarez agasallounos con copias de distintos documentos entre os que se atopaban a carta de despedida de Alexandre Bóveda á súa esposa ou a folla dun diario dunha costureira de Baiona presa na cadea en León. Tamén nos recomendou a que vai ser unha das nosas lecturas: 

Quen escribirá a miña historia? da escritora Iria Morgade Valcárcel recén publicada e que nos relata a historia do campo de concentración do Mosteiro de Oia, dos deseños e mensaxes que alí nas paredes realizaron os presos e dos asasinatos cometidos. 

Grazas mil ao profesor por achegarse á nosa biblioteca e responder ás nosas preguntas.