Amosando publicacións coa etiqueta Pazo de Meirás. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pazo de Meirás. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de abril de 2024

Pazo de Meirás e roteiro en A Coruña sobre a escritora Luisa Villalta.

 

O pasado martes 2 de abril, alumnado dos Clubs de Lectura "Nube de Palabras", incluido o alumnado do  CGTD, e alumnado axudante da nosa Biblioteca "Charo Sánchez-Gabriel", desfrutaron dunha visita guiada ao Pazo de Meirás despois de realizar a lectura do libro de Eva Mejuto: "A ladroa da biblioteca de Meirás". 

Foi o xusto premio outorgado polos seus coordinadores Anxos Rial, María Gómez e Fernando Tomé, ao traballo e o esforzo desinteresados desenvolvidos a cotío por estes rapaces e rapazas no club de lectura e na biblioteca.O noso alumnado foi acompañado nesta xornada literaria polo Club de Lectura do IES A Xunqueira II e a súa coordinadora, Eva López.






Na visita guiada ao pazo puidemos comentar aspectos do libro coa nosa guía (coma a lenda dos "ovos de Franco" ou as expropiacións de propiedades relatadas no mesmo) e realizar unha "venteada" lectura dun fragmento do libro (voz a voz dos clubs do Sánchez e da Xunqueira II) baixo un señorial magnolio.








Pola tarde, tras o xantar de convivencia de ambos clubs, os alumnos e alumnas realizaron un roteiro (venteado e pasado por auga, unha mágoa!) pola cidade de A Coruña acompañados pola escritora Eli Ríos, que os guiou polos espazos nos que discorreu a vida e a obra de Luisa Villalta, escritora, filóloga e violinista galega á que se lle adica o día Día das Letras Galegas neste ano 2024. Ninguén mellor que Eli Ríos para levar a cabo este labor, xa que é coautora do libro "Alma de violino", biografía de Luisa Villalta.



luns, 1 de abril de 2024

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2024

 Mañá, o noso club de lectura, o club de lectura do IES A Xunqueira II e o alumnado axudante da biblioteca imos celebrar o dia do Libro dun xeito moi especial: Visitaremos o pazo de Meirás co lectura "A ladroa da biblioteca de Meirás" e logo realizaremos o Roteiro de Luísa Villalta polo corazón da Coruña; as nosas lecturas e os versos acompañarannos todo o camiño. Xa vos contaremos.

Vaia por diante o cartel e o texto que a OEPLI seleccionou para a celebración deste ano:


Sobre as alas, os contos viaxan. Desexando sentir o latexo do teu corazón.
 
 
Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.

Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.

E outras nas aliñas dun gran de area.

Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.

E, de cando en vez, incluso nas dos avións.

Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras.

Quizais unha historia fantástica?

Ou prefires unha historia triste? De medo?

Unha para rir ás gargalladas?

E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.

Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:
«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado. 


Podedes descargalo no seguinte enlace:

Na páxina da OEPLI podedes descubrir porque este día sinalado se celebra o 2 de abril.