O pasado martes 2 de abril, alumnado dos Clubs de Lectura "Nube de Palabras", incluido o alumnado do CGTD, e alumnado axudante da nosa Biblioteca "Charo Sánchez-Gabriel", desfrutaron dunha visita guiada ao Pazo de Meirás despois de realizar a lectura do libro de Eva Mejuto: "A ladroa da biblioteca de Meirás".
Foi o xusto premio outorgado polos seus coordinadores Anxos Rial, María Gómez e Fernando Tomé, ao traballo e o esforzo desinteresados desenvolvidos a cotío por estes rapaces e rapazas no club de lectura e na biblioteca.O noso alumnado foi acompañado nesta xornada literaria polo Club de Lectura do IES A Xunqueira II e a súa coordinadora, Eva López.
Na visita guiada ao pazo puidemos comentar aspectos do libro coa nosa guía (coma a lenda dos "ovos de Franco" ou as expropiacións de propiedades relatadas no mesmo) e realizar unha "venteada" lectura dun fragmento do libro (voz a voz dos clubs do Sánchez e da Xunqueira II) baixo un señorial magnolio.
Pola tarde, tras o xantar de convivencia de ambos clubs, os alumnos e alumnas realizaron un roteiro (venteado e pasado por auga, unha mágoa!) pola cidade de A Coruña acompañados pola escritora Eli Ríos, que os guiou polos espazos nos que discorreu a vida e a obra de Luisa Villalta, escritora, filóloga e violinista galega á que se lle adica o día Día das Letras Galegas neste ano 2024. Ninguén mellor que Eli Ríos para levar a cabo este labor, xa que é coautora do libro "Alma de violino", biografía de Luisa Villalta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario