Amosando publicacións coa etiqueta memoria do silencio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta memoria do silencio. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de maio de 2019

Ímonos de roteiro literario con Eva Mejuto: " Memoria do silencio"

Pois por fin chegou o día:  mañá os clubs de lectura de 4º e 3º de ESO ímonos de roteiro literario a Ribadavia con Eva Mejuto, arredor da  súa novela Memoria do silencio.

Achegarémonos á historia das irmás Touza, coñeceremos datos sobre á súa participación na cadea para salvar aos xudeus da persecución nazi, mais tamén nos achegaremos á historia, arte e cultura da vila do Ribeiro... e á súa gastronomía xudía (sorpresa, sorpresa...)

Todo un pracer vai ser percorrer Ribadavia con Eva Mejuto, compartir as súas pesquisas, nas que se baseou para escribir a novela, falar dos personaxes e dalgún xeito render xuntos e xuntas unha sentida homenaxe ás protagonistas da historia. Lola, Günter e Frida de seguro acompañarán os nosos pasos no roteiro.

Os versos de Celso Emilio, de Rosalía e cantares populares servirán para introducirnos na apaixonante cultura literaria de O Ribeiro. 

Haberá tempo para lecer, para mercar melindres e descansar da calor cun xantar "picnic" na área de A Veronza.

Un fermoso broche de ouro para as nosas lecturas deste curso 18/19. Desfrutade da visita.



martes, 19 de marzo de 2019

Eva Mejuto e o seu "Memoria do silencio" na TVG

No club de lectura de 4º de ESO B estamos lendo "Memoria do silencio" a última novela de Eva Mejuto e aquí tedes o enlace á entrevista que lle fixeron no zig zag onde se falan dalgunhas das claves interpretativas da novela:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-4064225?t=277?t=278


venres, 1 de febreiro de 2019

Asistimos á presentación de MEMORIA DO SILENCIO de EVA MEJUTO.

A escritora Eva Meuto presentou a súa nova novela MEMORIA DO SILENCIO o pasado martes na Casa da Luz e o noso club de lectura de 4º de ESO asistiu ao acto.


Un acto moi especial no que ademais da conversa entre a autora e Mª Xesús Escudeiro sobre a obra, puidemos escoitar a Fran Alonso e as dúas contertulias ler un fragmento da novela; a música de Su Garrido Pombo ilustrou a presentación, á que asistiu unha chea de xente e os melindres típicos de Ribadavia (onde se localiza a acción) puxeron remate a un acto xa de por si moi doce e emotivo do cal desfrutamos moitísimo.

 (fotografía de Anxo Ganzález Guerra)

MEMORIA DO SILENCIO é unha historia a tres voces ( a de Gunter, a de Frida e a de Lola) que nos relatan a historia das irmás Touza, tres mulleres ribadenses que formaron parte da cadea humanitaria que axudou, durante a Segunda Grande Guerra, a fuxir aos xudeus da  persecución nazi, a través de Galicia e Portugal. Memoria do silencio xa que a historia destas heroínas foi descoñecida no seu pobo e na súa propia familia (o anonimato dos heroes na historia) e é Eva Mejuto quen nola narra agora para visibilizar o papel das mulleres que foron silenciadas no tempo e recuperalas para a Memoria Histórica, para transmitir o seu legado ás novas xeracións de lectores, de feito a novela preséntase nestas datas para entroncar coa data de homenaxe ás vítimas do Holocausto (27 de xaneiro).

O compromiso da autora coa historia e coa literatura paira ao longo de toda a novela no tratamento dos personaxes femininos (Frida e Lola fundamentalmente) e na descuberta dunha narración que navega entre o que é ficcional e o que forma parte da nosa realidade pasada, da herdanza que nos deixan Lola e as súas irmás, do seu comportamento exemplarizante e desinteresado nunha época convulsa na que o medo se respira ao longo da narración.

 Unha linguaxe sinxela e nada requintada, á que xa nos ten afeitos a autora, os diálogos fluídos e a acción dinámica farán que xoves e adultos se asomen a esta fermosa historia que transmite feitos e valores, que emociona e intriga, que namora e conquista desde a primeira escea cando coñecemos a Gunter e o seu peculiar e distintivo nariz que ten a capacidade de cheirar o medo.



Empatizamos con estas mulleres rurais, vendedoras de melindres e licor café na estación de Ribadavia, que souberon estar a altura do momento histórico que lles tocou vivir, que souberon coser cos fíos da liberdade, a liberdade propia e a de todos e todas aos que salvaron.

De seguro que no noso club desfrutaremos moi, moito con esta nova novela de Eva Meuto. Parabéns para ela.