Grazas ao Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, a rapazada do club de lectura de 3º e 4º de ESO puideron encontrarse no noso centro co autor NEE BARROS que nos presentou a súa obra de teatro IDENTIDADE.
E sobre identidade de xénero, de diversidade, de sexo biolóxico, sobre a orientación sexual, sobre o xénero neutro:
"Un simple acto, o de nacer, é o que marca a nosa vida" así comeza cunha voz en off a obra de teatro Identidade de Nee Barros.
Unha presentación-obradoiro que nos serviu para preguntarnos, reflexionar sobre como nos sentimos representados na vida polo xénero, polo sexo, polas atracións...Dinos Nee Barros no encontro:
"Os pronomes non definen o noso xénero, con que pronome me sinto máis cómodo???"
"A identidade de xénero é como ti te sintes, como ti es, e non só é home ou muller, hai persoas que non se sinten representadas como home ou muller"
E na obra de teatro:
"(...) Está claro que os nomes, coma ti dixeches, crean vínculos coa familia; pero o meu creou un vínculo coa persoa equivocada. Creou un vínculo coa túa filla María, pero xa é hora de que te decates de que en realidade o teu fillo se chama Zé" di o personaxe de Zé no primeiro acto da obra de teatro nunha carta á súa nai.
Hai que realizar un proceso de autocoñecemento, o que importa é como me sinto e identifico eu. Este proceso, a loita pola aceptación dun mesmo e que os demais me acepten relátase na obra de teatro:
" É que o xénero non ten que ver coa roupa, e nin sequera coa relación co teu corpo (...) Penso que todo o mundo está en certa maneira descontento coa súa categoría.." di Zé no segundo acto.
Mais creo que sería mellor que vos animarades a ler a obriña de teatro, a reflexionar e a debater sobre ela cxs compañeirxs.
Grazas Nee Barros e grazas ao Salón do Libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario