martes, 19 de abril de 2022

"Un elefante na sala de estar" de BERTA DÁVILA no club de 1º bacharelato.


 "... Ás veces podemos dicir que hai un elefante na sala de estar, que é unha expresión que usa cando hai unha cousa na que todos están pensando pero ninguén quere dicir... " (páx. 42).

Nesta obra , a primeira que a narradora e poeta Berta Dávila escribe para un público adolescente, as voces que falan nesta novela coral están pensando en Rosa, no porqué do seu suicidio pero ninguén quere tratar o tema abertamente. Na nosa sociedade o suicidio e mesmo a depresión son temas tabús dos que por medo ou por respecto, por afecto aos que os sofren non se quere falar.

E así, duramente, descarnadamente acompañamos á familia de Rosa, a súa amiga, a súa médico, o seu empregador nas súas preguntas para as que non hai resposta xa que quen as ten xa non vive. Unha análise introspectiva das interioridades e das vivencias e lembranzas máis íntimas dos protagonistas, os personaxes na procura do acougo e do silenciamento da culpa e do medo.

Unha obra diferente no tema e no seu tratamento pero tamén moi necesaria para escoitar máis atentamente as voces dos que sofren en silencio. Unha lectura que nos vai dar moito que falar no club polo tema, polo seu tratamento e polo desfrute da prosa tan fermosa e coidada da autora.

Déixovos aquí o enlace ao podcast no que Montse Pena fai unha valoración da novela para o Diario Cultural da Radio Galega: 

COMO ENFRONTARNOS AO ELEFANTE NA SALA DE ESTAR

E esta é a dedicatoria que no seu libro fixo para nós: 




Ningún comentario:

Publicar un comentario