Os clubs de lectura de 2º de ESO puidemos desfrutar dun encontro lector co poeta, e agora narrador, Carlos Negro arredor do deu libro de contos de medo e fantasmas Non cantan os paxaros neste bosque grazas ao Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra.
Un diálogo moi animado se estableceu entre a rapazada e o autor que non cesaron de facerlle preguntas ás que el respostou coa xenerosidade que o caracteriza; deixámosvos aquí un pequeno resume das palabras do autor:
" A miña idea era escribir contos e coma nunca escribira narrativa, sentíame máis seguro cos contos que cunha novela, o conto é coma unha novela breve. Ao mellor no futuro anímome a escribir unha historia máis complexa e con máis personaxes."
" Os contos de fantasmas é un xénero moi sutil, non se pode abusar dos efectos gratuítos, hai que ir elevando a tensión pouco a pouco, parece que ao principio do relato se trata doutra cousa e despois acaba aparecendo un pantasma ou algo extraordinario ou raro."
"As veces dubido sobre o final do conto, sobre ser máis ou menos cruel se morren os personaxes; o tobogán é inocente, está asociado aos xogos, entón nunha viaxe vin un tobogán vello e tirando do fío deille vida propia que dá unha enerxía especial ao que sobe nel; fun creando o ambiente, este conto é máis do estilo Stephen King."
" A despedida é un microrrelato que xurdiu coma un reto, é un conto cun final aberto e cada lector pode seguir a historia ou rematalo como desexe. "
" Nos contos de pantasmas está sempre presente a morte e ao tempo danche o gusto e pracer que a xente volva da morte, provocan un medo gustoso porque estás protexido polas palabras"
"Paseino moi ben escribindo contos de pantasmas e medo, o máis complicado foi facelos cribles e sorprender ao lector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario