sábado, 24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO ( Programa Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria. Ministerio de Cultura).

 


 

Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

  http://www.culturaydeporte.gob.es/dam/jcr:0cb95498-6559-4c0d-a89e-369ac5d3e7e1/logotipo-dglfl.jpg

 


 

 

Coma a nosa biblioteca funciona coma aula e coma hai que respectar o tempo de duración das actividades e o número de participantes polas normas COVID, o encontro lector realizouse en dúas quendas e dous espazos ( a primeira na aula de 1º de ESO C e a segunda no paraninfo con 1º de ESO B e 1º de ESO F).

 

Aproveitamos esta visita para comezar as actividades de fomento da lectura que organizamos desde o club de lectura e celebrar ao tempo o Día das Bibliotecas ( aínda que fóra da biblioteca xa que esta foi reconvertida en aula).

 


 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.

 

  Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

 Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.

 


 

Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario