luns, 31 de marzo de 2025

Imos ao cine: AS NEVES.

 


O luns os clubs de lectura de 1º de bacharelato asistimos a unha actividade de cine forum coa proxección do filme AS NEVES de Sonia Méndez.

A película gustou moito á rapzada, pola temática que trata unha problemática derivada da adolescencia e polo elenco constituído tamén por adolescentes. Logo do visionado do filme tivemos un interesante coloquio coa directora Sonia Méndez e coa protagonista Andrea Varela que moi amablemente responderon ás nosas preguntas.


Resultou que a directora da película tamén estudara no Sánchez Cantón polo que a empatía foi mutua entre os participantes na actividade.

Esta actividade foi organizada polo Salón do Libro de Pontevedra. grazas por convidarnos.



venres, 28 de marzo de 2025

SALÓN DO LIBRO: Festa dos Clubs de Lectura


 Coma xa somos habituais, os clubs de 1º , 2º e de 3º de ESO asistimos á Festa dos clubs de lectura que organiza o Salón do libro para os clubs de lectura de Secundaria de Pontevedra e arredores. 

Tras a presentación de cada un dos clubs participantes e a actuación dun contacontos de Cangas tivemos o sorteo de libros para os clubs que tanto emocionan á rapazada. 


Logo os clubs de 1º de Bacharelato puideron asistir á representación do musical Os miserables de Víctor Hugo, posta en escea maxistral do IES Illa de Ons de Bueu.

Grazas ao Salón por convidarnos xa que houbo festa para todos e todas, lectores dos nosos clubs de ESO e de Bacharelato.


xoves, 27 de marzo de 2025

xoves, 20 de marzo de 2025

Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial

 No club de lectura de 1º de bacharelato estamos lendo teatro, en concreto a obra de Rosalía Fernández Rial gañadora doPremio Roberto Vidal Bolaño 2024.

Unha obra de teatro protagonizada por adolescentes na que atopamos temas tan actuais como o mundo dos influencer, as redes sociais, o maltrato adolescente, a amizade, a sororidade, o deporte, a filosofía... acompañados por unha banda sonora do máis suxerente.

Destacan na obra tamén os xogos escénicos: o xogo das pantallas e os espazos reais, o xogo das luces e as sombras que fan da posta en escea todo un reto.

Afectos e sentimentos entre a mocidade cativarán de certo aos nosos lectores e lectoras.



mércores, 19 de marzo de 2025

Club de lectura de familias

 


Pois tiñamos pendente publicar algunhas imaxes das reunións do club de lectura de familias, de mamás e avoa (coma eu o chamo); aquí tedes algunhas do último encontro no que lemos Sombras de Marta Rivera de la Cruz, Invisibles de Eloy Moreno e A pomba e o degolado de Fina Casalderrey ( lembrade que neste club lemos e comentamos os libros de lectura obrigatoria para o alumnado).

Podedes ver que salerosas lucimos cos agasallos que nos trouxo Marta. 


Na próxima sesión, o 30 de abril recibiremos no club á poeta TAMARA ANDRÉS coa súa obra Irmá Paxaro.



martes, 4 de febreiro de 2025

Consultamos ao veterinario: Existe a Gaturreise? (O día que choveron gatos)

 


O martes pasado recibimos na biblio ao veterinario Daniel Rodríguez que nos visitou para falarnos do coidado e responsabilidade de coidar ás nosas mascotas.

A idea xurdiunos a partir da lectura da novela de Eva Mejuto O día que choveron gatos onde se fala dunha enfermidade " a Gaturreise: Vírica crónica" que supostamente provoca unha pandemia en Pontedavila e que transmiten os gatos e que mellor maneira que consultar cun experto en animais.


Foi un pracer o faladoiro de Daniel R. xa que nos transmitiu dun xeito ameno e moi divulgatigo cales son os principais coidados que lles debemos proporcionar ás nosas mascotas, respondeu a todas as nosas preguntas, que foron moitas, e aclarounos que non existía a "Gaturreise" que era un invento do PAIfoco ( o personaxe da novela de Eva Mejuto) coa finalidade de desfacerse dos gatiños de Pontedavila.





venres, 31 de xaneiro de 2025

Roteiro urbano: "O día que choveron gatos" de Eva Mejuto.

 


Hoxe a rapazada dos clubs de lectura de 1º de ESO realizou pola nosa vila, Pontevedra-Pontevila, un roteiro acompañados por Eva Mejuto, autora da novela, previamente lida" O día que choveron gatos".

Aínda que durante a lectura xa foramos relacionando os espazos de ficción cos da realidade da nosa vila, foi todo un agasallo por parte da escritora poder percorrela escoitando as súas explicacións e comentarios.



Falounos de como se orixinou na súa cabeciña creadora esta divertida e interesante historia na que os gatos e a rapazada levan protagonismo, falamos da pandemia, de Benito Soto e moito, moito de gatos.


Foi todo un pracer e tamén unha aprendizaxe gratificante realizar este paseo literario por Pontevedra escoitando as historias que nos relatou amablemente Eva Mejuto.