xoves, 23 de marzo de 2023

"Que se me pare o corazón se te esquezo" de Andrea Maceiras.

 Comezamos nova lectura enfrontándonos aos retos publicados nas redes, aos amores, aos desentendidos xeracionais cos pais na adolescencia, coas depresións... este título de Andrea Maceiras gañador do Premio Raíña Lupa de seguro que nos vai dar moito do que falar: 


Xuño 2023:

" Este último libro foi moi interesante xa que trata temas moi actuais e serve para darse de conta da realidade que acontece nas redes sociais hoxe en día. Puiden falar deste libro cos meus compañeiros, comentar a historia e intercambiar opinións" Lucía e Carme.

xoves, 16 de marzo de 2023

Roteiro literario "Peixiño desnortado"

 E a intensa mañá literaria non podía rematar sen realizar un roteiro pola parte más estraña da nosa cidade da man do "Peixiño desnortado". Un pouco desnortados tamén nós pola presenza da choiva, coma a protagonista do libro percorremos a zona monumental baixa, esa que non visitan os turistas pero que nos achega ás entrañables personaxes populares da obra de Tanmara Andrés: 




Encontro poético con Tamara Andrés: Irmá Paxaro

 Logo do recreo tivemos un encontro poético con Tamara Andrés os clubs de 1º de bacharelato e de 4º de ESO C e a poesía encheu de cores, sensacións e sentimentos a nosa biblioteca e os corazóns da nosa rapazada. Preguntas e versos voaron coas ás da Irmá Paxaro:




A poeta Tamara Andrés co club de 2ºbach/4º ESO

 A visita da poeta Tamara Andrés foi moi intensa, no recreo tivo unha xuntanza co club de lectura de 2ºBach/4º ESO, unha sorpresa, un agasallo fermoso que as mozas do club recibiron con moita ilusión; puideron falar de clubs de lectura (pois a poeta cando estudante formou parte do club de lectura do seu instituto) , de poesía e da escrita. Un encontro marabilloso: 


E o presente e o futuro da palabra poética en galego déronse a man: Tamara Andrés e Mariña Maceiras.




luns, 6 de marzo de 2023

Roteiro literario pola Memoria

 Acompañados pola profesora Mª Xesús Escudeiro, esta tarde, os clubs de lectura de 4º de ESO fixemos un percorrido pola nosa cidade para falar e ler arredor do que aconteceu nos primeiro días do golpe de estado do 36 aquí.

Escoitamos estremecedoras historias de vida que nos relatou a profesora e tamén lemos textos interesantes sobre o tema, algúns tan tristes e enternecedoras coma a carta de despedida que Alexandre Bóveda lle enviou á súa dona Amalia Álvarez desde o cárcere pouco antes de ser asasinado.

Un roteiro de certo moi enriquecedor.



xoves, 16 de febreiro de 2023

As profesoras visitantes reúnense co club de lectura.

 A profesora francesa de Nantes que está visitando o noso instituto reuniuse esta mañá coas alumnas do club de 4º de ESO  para coñecer como funciona un club de lectura xa que no seu centro descoñencen esta práctica lectora:


Máis adiantado o curso, no mes de maio,  recibimos tamén a visita de Katreen a profesora alemana que viña do norte de Alemaña, ela reuniuse co club mixto de 2º de bacharelato/4º ESO, e  con ela falamos da posibilidade de crear o vindeiro curso un club  de lectura virtual alemán/español: 



luns, 6 de febreiro de 2023

Silencio "Gravamos"

 O programa de Memoria e igualdade do noso Concello "Memoria de Elefanta" convidou ao club de lectura mixto 2ºBach/4º ESO a gravar un PODCAST para falar e recomendar as lecturas que se fixeron relacionadas con ese tema; resultou unha experiencia gratificante (aínda que houbo moitos nervios) e serviunos para revisar lecturas como "A ladroa da biblioteca de Meirás" de Eva Mejuto, A nena lectora" de Manuel Rivas ou "As malas mulleres" de Marilar Aleixandre: