venres, 4 de abril de 2025

Asistimos ao fallo e entrega do Premio Lazarillo de creación literaria e álbum ilustrado


 A Organización Española Para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) anunciou o mércores pasado, 2 de abril, os gañadores dos Premios Lazarillo 2024, no marco do Salón Internacional do  Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro Infantil.

O Premio Lazarillo 2024 na modalidade de Creación Literaria foi outorgado a Cristina Alfonso Ibáñez pola obra titulada Quiero un dragón. O xurado valorou a orixinalidade da obra, que aborda cun toque humorístico e creativo a adopción responsable de animais. A novela destaca pola súa narrativa entretida e imaxinativa, que consegue atraer ao público máis novo.

Na modalidade de Álbum Ilustrado, os galardoados foron Nerea Pérez Gordo, ilustradora, e José Luis Mestre Sarrión (Pepe Mestre), escritor, pola súa obra conxunta Tres eran tres. A través da rima e do minimalismo, o álbum captura a esencia da diversión e a aventura en diálogos vibrantes e asombrosos.

O noso alumnado dos clubs de lectura de 1º de bach. desfrutou no Salón do Libro desta importante ceremonia de entrega de premios que por vez primeira saía de Madrid para vir a Pontevedra.

Neste acto puidemos ver a importantes persoeiras da LIX galega coma Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Elena Gallego Abad, o novelista Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz.








Ningún comentario:

Publicar un comentario