E tras lecturas e máis lecturas na biblioteca do centro, o luns 13 de xuño fomos celebrar coas nosas lecturas á Illa de San Simón. Un fermoso día de moita calor - a da temperatura e a humana- collemos o barco en Cangas do Morrazo e durante tres cuartos de hora desfrutamos da Ría de Vigo co relato da Batalla de Rande e do tesouro soterrado no lodo baixo a ponte do mesmo nome.
Chegados e chegadas á Illa, realizamos un roteiro de dúas horas no que se alternaron as informacións que nos aportou o noso guía coas nosas lecturas e a información da unidade didáctica coa que nos agasallou para ocasión o noso profe de Sociais.
Houbo tempo tamén para as reflexións sobre A Memoria, unha lectura de homenaxe aos represaliados e rematamos cunha caza do tesouro.
“ A memoria do pobo acorda o tempo en que a illa amoreaba presos políticos. Homes sen delito ningún, castigados por devecer un tempo distinto que se soñaron libres por última vez paseando entre buxos”
Acorda. Montse Fajardo.
Embarcamos de volta e xantamos á fresca na Alameda de Cangas e logo duns xeados cos que a rapazada agasallou ás profes tomamos camiño ás Salinas do Illó onde visitamos as ruínas da granxa que a xestionaba.
Un día para lecturas, lembranzas e desfrute, o broche de ouro para animármonos a enganchar co Club de Lectura o vindeiro curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario