sábado, 21 de abril de 2018

I ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA. O SALÓN DO LIBRO.

( alumnado dos nosos clubs de 1º e 2º de ESO)

Hai anos xa que a comunidade educativa de secundaria viñamos solicitándolle aos organizadores do Salón do libro, que xestionaran actividades arredor do salón, máis axustadas á súa idade; a organización deste ano "Mulleres de conto" agasallounos con este encontro de rapazada de clubs de lectura procedente de diferentes puntos de Galicia (Porto do Son, Neda, Catoira, Pontevedra, Bueu e Vilagarcía) no que tivemos o pracer de participar.

Comezamos a mañá con bicos, abrazos e benvidas, como debe ser, e Marta e Eric, Canela Cafuné, foron os nosos anfitrións para poñer calornos primeiros momentos co seu espectáculo "Non son fada nen princesa", reflexións, música e unha canción xa case convertida en himno.

Continuamos cunha gymkana literaria, 30 minutos compartidos nun obradoiro cun elenco de luxo: María Reimóndez  (a muller e o deporte), Ledicia Costas ( a nosa querida Escarlatina), Fran Alonso ( cos seus "Street Poems"), Tamara Andrés (versos desde Antiochia) e Anxo Fariña (a ilustración dos Megatoxos); misturados rapaces e rapazas de todos os clubs por números e cores, os seus rostros emocionados falaban por si sós. Encantados falaban logo das súas experiencias e obradoiros e valoraban a súa aprendizaxe e intercambiaban opinións. 

E as profes coordinadoras aproveitamos para ver, observar os obradoiros e aprender, para compartir experiencias e datos do noso labor entre nós e daquí saíron: intercambio de materiais, unha proposta de encontro entre clubs, marcapáxinas, recomendacións lectoras e tamén reflexións sobre a oferta editorial en LIX en galego, carencias e desexos.

Un xantar de confraternización, firma de libros e unha visita ao Salón, fixeron que as nosas perspectivas para o desfrute e aprendizaxe da actividade foran superadas. 

Queremos agradecer á Eva Mejuto e o seu equipo, o seu labor e o seu compromiso coa lectura e cos adolescentes, á Concellalía de Pontevedra polo gran esforzo que se fai co Salón do Libro e... a todos e todas os participantes  parabéns pola lectura que nos une.





Ningún comentario:

Publicar un comentario