luns, 8 de abril de 2019

Encontro literario coa escritora Marilar Aleixandre: " A filla do Minotauro"



O club de lectura mixto de 4º de ESO e 1º de bacharelato  (linguas clásicas), realizamos un encontro coa nosa querida escritora e académica Marilar Aleixandre para completar a nosa lectura da súa obra: "A filla do Minotauro" gañadora do premio Raíña Lupa.


or suposto que a conversa xirou arredor da visión da mitoloxía que a autora nos dá no libro, do valor das linguas clásicas e da urxencia de rematar co contrabando das obras de arte.

Marilar respondeu ás nosas preguntas con amabilidade e puidemos decatarnos da gran sabedoría que transmite a escritora coas súas palabras, da riqueza da linguaxe que utiliza e do importante valor das súas ensinanzas.

Un encontro de gran forza e moita aprendizaxe que serviu para profundizar na nosa lectura da obra e gozar dunha das escritoras clásicas en lingua galega. Un marabilloso pracer.







xoves, 4 de abril de 2019

Visitounos Marina Colasanti. "O labirinto do vento"

A nosa rapazada dos clubs de lectura de 2º de ESO e de 1º de ESO (grupos 1 e 2) recibiu con moita ilusión e agarimo a escritora brasileira Marina Colasanti para conversar con ela sobre contos de fadas e princesas, sobre unicornios e reis, sobre tecelás ( el confesou gostar muito de tecer!), xogos e espellos que poboan o fermolo libro que tiñan lido da autora: O labirinto do vento.

Os compoñentes dos clubs esperaban con moita espectación a Marina Colasanti xa que o libro e a interpretación dos contos foran moi debatidos nos encontros lectores e de certo que ficaron marabillados coa gran personalidade da autora, coas súas fermosas palabras, coa historia do pombo que lles narrou ( un agasallo dos deuses), e coa sonoridade do seu brasileiro (descubrindo encantados que podían entendela sen problemas).

Ben certo é tamén que a autora ficou tamén encantada coas crianças, de como tiñan preparada a súa visita e das preguntas que lle fixeron. Unha xornada moi emotiva para o alumnado clubeiro e tamén para as coordinadoras clubeiras que os acompañamos neste encontro. Todos e todas namoramos de Marina Colasanti.



Marina Colasanti é unha das escritoras e contadoras de contos de máis sona internacional, mundialmente premiada e agasallada polas súas obras e de certo que foi un luxo para nós desfrutar da súa compañía na biblioteca do Sánchez Cantón.
Os compoñentes dos clubs esperaban con moita espectación a Marina Colasanti xa que o libro e a interpretación dos contos foran moi debatidos nos encontros lectores e finalmente ficaron marabillados coa gran personalidade da autora, coas súas fermosas palabras, coa historia do pombo que lles narrou (un agasallo dos deuses), e coa sonoridade do seu brasileiro (descubrindo encantados que podían entendela sen problemas).
Sobre  os contos de O labirinto do vento a autora dixo:
 “ Eu non quixen vincular unha única mensaxe en cada conto, iso é muito pobre; cada conto ten muitas mensaxes: ten as mensaxes que o lector escoller para si; esa é a riqueza dos contos de fadas que sendo metafóricos, eles xogan co inconsciente do lector e o lector tira dalí o que lle convén, o que el prefere, aquilo que el precisa. O autor é cómplice do autor neses contos.”
Ben certo é que a autora ficou tamén encantada coas “crianças” asistentes ao encontro, de como tiñan preparada a súa visita e das preguntas que lle fixeron.
Unha xornada moi emotiva pois para o alumnado clubeiro e tamén para as coordinadoras clubeiras que os acompañamos neste encontro.
Todos e todas os presentes namoramos de Marina Colasanti.




(Vídeo de Salomé Díaz e fotos de Eva Mejuto)

Encontro lector con Antonio Manuel Fraga "O bestiario científico de Anxos Nogueirosa"



O pasado luns, o club de lectura de 4º de ESO A participou nun encontro lector con Antonio M. Fraga no Salón do Libro.

Compartir as súas impresións sobre a lectura, preguntar ao autor as dúbidas, escoitar na voz do escritor explicacións sobre o contexto histórico da novela, ver as fotos dos lugares nos que se desenvolve a trama... foi unha experiencia agradable e moi enriquecedora para a rapazada.

Puideron pois inquirir sobre o como e os porqués da creación literaria, o proceso de documentación para escribir a novela, descubrir a imaxinación desbordante do autor á hora de crear cada un dos seres que conforman o bestiario... foi un gran pracer e tod@s volvemos moi contentos ao centro.

Aínda que non estivo connosco tamén houbo espazo para falar do ilustrador, Víctor Rivas, e das súas marabillosas imaxes, portada e bestiario.Ademais fomos agasallad@s cunhas fermosas postais cunha das imaxes do ilustrador do libro grazas a Andrea.








 

Encontro lector con Eli Ríos "DX"





O club de lectura de 4º C puido compartir as súas impresións sobre a lectura de "DX" coa autora da novela Eli Ríos.

Todo un gustazo encontrarnos con Eli no Salón do Libro, falar de lecturas, de diversidade sexual e de diversidade de xénero.

A partir de DX puidemos debater e reflexionar coa autora sobre moitos temas de actualidade como o respecto pola identidade (sexual ou de xénero) de cada persoa, sobre os perigosos avances da tecnoloxía sen control, do rápido que vai o mundo e do pouco que pensamos sobre o noso futuro.

Un caloroso encontro que nos deixou un doce sabor de boca para seguir afondando e lendo a obra de Eli Ríos.








martes, 19 de marzo de 2019

Eva Mejuto e o seu "Memoria do silencio" na TVG

No club de lectura de 4º de ESO B estamos lendo "Memoria do silencio" a última novela de Eva Mejuto e aquí tedes o enlace á entrevista que lle fixeron no zig zag onde se falan dalgunhas das claves interpretativas da novela:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-4064225?t=277?t=278


domingo, 17 de marzo de 2019

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.





Xa os temos de novo aquí, Orbi e o Salón van encher as nosas vidas lectoras durante case un mes, a REVOLUCIÓN é o tema que une as nosas prácticas lectoras este ano e o país convidado será A LUSOFONÍA.

Os nosos clubs participaremos en actividades como encontros con escritores e escritoras como Marilar Aleixandre - A filla do Minotauro - 4º de ESO e 1º de Bach., Ana Pessoa - Mary Jonh- 4º de ESO B, Antonio Manuel Fraga - O bestiario de Anxos Nogueirosa - 4º ESO A/B, Marina Colassanti - O laberinto do vento- 1º e 2º de ESO, Eli Ríos - DX - 4º de ESO C... e algún máis por determinar; visitarannos, iremos visitar ao Salón, unha REVOLUCIÓN LECTORA que nos vai animar a ler e ler...



Tamén participaremos na Festa dos Clubs de lectura con clubs de Pontevedra e de fóra da cidade. Para que non vos perdadesningún evento deixámosvos a ligazón ao programa do Salón.

http://www.salondolibro.gal/programacion-2019/


Dámoslles os PARABÉNS e as GRAZAS, por contarcon nós, ao equipo organizador que moito leva traballado.  

ANA PESSOA achegará a Mary Jonh e a Rapariga Karateca ao noso club de lectura (Salón do Libro Infantil e xuvenil)


En breve, a escritora portuguesa Ana Pessoa visitará o noso club de lectura de 4º de ESO no marco das actividades programadas no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Para recibir a Ana Pessoa como merece, iniciamos a nosa particular REVOLUCIÓN LECTORA e  púxemonos a ler tolamente as dúas obras que ten publicadas Mary John e O caderno vermello da rapariga karateka e Ariadna de 4º de ESO B (superlectora) deixounos estas fermosas palabras sobre as súas impresións destes romances:


Mary John, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B 

Este libro encantoume polo seu enfoque orixinal: non se limita a narrar os problemas dunha rapaza que cambia de cidade e, grazas a esta mudanza, de vida; senón que mantén un ton poético e íntimo que fai del unha lectura única. Os sentimentos e as inquedanzas da protagonista exprésanse dun xeito tan cru e emotivo que te sentes dentro da súa pel, usando para iso unha serie de símbolos e metáforas recurrentes ao longo da obra que a embelecen enormemente. Desta forma, a fronteira entre a narración e a poesía dilúese.

Así e todo, gustaríame comentar que este libro está escrito en portugués, o cal non me supuxo ningún problema unha vez que comecei a ler: fun quen de sacar o pouco vocabulario que descoñecía polo contexto. Por esta razón, creo que non hai motivos para non ler en portugués e anímovos a probalo.


O caderno vermelho da rapariga karateca, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B


Este libro trata dos problemas da adolescencia dende unha perspectiva á que non estamos afeitos: fronte ás súas dúbidas, a protagonista emprega o método científico para tomar a mellor decisión ou para analizar os seus sentimentos e escribe sobre isto nun caderno vermello que semella ter vida propia, quizais coma unha parte do espírito creador dela, a escritora. 

Deste xeito, a súa lectura ensinoume que nada é tan cadrado como nos gustaría e que debemos abrir as nosas mentes ás novidades, sexan do tipo que sexan. Cómpre destacar tamén os pequenos relatos que se insiren na narración principal, dos cales salientaría o dos sinónimos.

Grazas a Ariadna polas súas recomendacións e xa sabedes a seguir lendo a Ana Pessoa.