mércores, 29 de novembro de 2017

A arte de trobar. Antón Lopo reúnese co club de lectura de adultos.



O escritor Antón Lopo reuniuse co noso grupo de lectura de adultos para compartir un cafeciño e falar sobre a súa obra A arte de trobar.
Iniciamos a conversa falando do xénero no que se podería encadrar a obra, histórico e de aventuras, comentounos que a súa intención ao escribir esta obra era divulgar as trobadoras occitanas e a hipótese de que porque aquí non podería ter habido trobadoras igual que na Provenza e suscitar o debate, agora que o Pergamiño Vindel está en Vigo, sobre a voz feminina nas Cantigas de Martín Codax (Martiño ou Martina?).

A orixe da obra está nunha conferencia que escoitou sobre poesía feminina aquitana e logo a súa cabeza que se puxo a crear.
Falamos do cinematográfico que ten a novela, a vista do falcón por exemplo, que introduciu a posteriori e non ten valor simbólico algún.
E así "destripamos" a novela pouco a pouco da man do seu autor. Grazas por acompañarnos.






E escribiu Santiago Lopo no seu Twitter:

No club de lectura de profesor@s do IES Sánchez Cantón de Pontevedra xa leron e parece que lles gustou... Ademais prepararon un menú digno de Guy de Lille! Excelente encontro literario. Grazas a e a tod@s integrantes do club.



martes, 14 de novembro de 2017

martes, 31 de outubro de 2017

Comezamos xa 1º Bach.

Hoxe botamos a andar cun libro que, sen dúbida, nos vai achegar moito

E tamén temos un CLUB DE LECTURA DE ADULTOS ...



Onte presentamos o club de lectura de adultos Nube de palabras do Sánchez Cantón; animados e animadas, a pesar do cansazo da tarde do luns houbo tempo para falar de libros, organizarnos e programar lecturas e de cafés para acompañalas.

Este trimestre decidimos facer dúas lecturas en común, moi diferentes en canto a temática e linguas pois unha é en galego e outra en castelán:

  • A Arte de trobar de Santiago Lopo.
  • Despois do amor de Sonsoles Ónega.

A idea é dividirnos en dous grupos, cada un le unha obra e ao remate facer o cambio; para a próxima reunión teremos a posta en común das dúas obras.

Feliz andaina lectora para todos.

TODO CANTO FOMOS DE XOSÉ MONTEAGUDO nos clubs de 2º de bacharelato (grupos 1,2 e 3).


Unha chea de rapaces e rapazas de 2º de bacharelato (45 repartidos en tres grupos) que desexan compartir lecturas e aprender algo máis de "todo canto fomos" na nosa vila  da man dos personaxes de ficción protagonistas da novela e de algúns outros reais coma Castelao ou Bóveda que pasean a vida polas rúas  de Pontevedra.

 Unha chea de vidas que pouco a pouco van ir tecendo a urdidura ata completar un cadro completo da historia do noso país :

“Todo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias; poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.

Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar  sociedade galega actual.

Esperemos que estes mozos e mozas de segundo de bacharelato gocen da súa lectura e desfruten falando e compartindo as súas apreciacións sobre ela.

Desexámoslles unha feliz singradura polas súas páxinas.




sábado, 28 de outubro de 2017

Palabras de auga de Marcos Calveiro no club de 1º de ESO grupo 2.


Lecturas man a man, chocolate e moita ilusión o xoves na biblio para comezar a andaina lectora dos rapaces e rapazas de 1º de ESO grupo 2.

Puntualísimos esperaban a súa coordinadora coa sorpresa debuxada nos ollos: Que vai ser isto do club de lectura?

Explicamos, repartimos os contratos de responsabilidade, comemos boliñas de chocolate (non quedou ningunha) e presentamos esta obriña de Marcos Calveiro que aínda que xa foi publicada hai uns aniños segue a ser unha boa aposta para gozar da súa lectura nun club e comentar, profundar nela e analizala.


Esperamos que gocen de compartir lecturas este curso e que lles guste a novela.

Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro (escolma):

O tema de fondo é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…

É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes.

Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.

Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias.